Sunday 28 de April de 2024

Moeche aproba en pleno a distribución dos fondos do POS+, do Plan Complementario e do “POS Social”


O Pleno do Concello de Moeche aprobou o pasado venres en sesión extraordinaria a proposta de distribución dos fondos consignados no Plan Único da Deputación da Coruña. A partida global -incluídas as achegas que fará o consistorio- ascende a 246.205,30€, que se distribuirán da seguinte maneira: 210.647,96€ euros para obras, actuacións en aforro enerxético e gasto corrente e 35.557,34 euros destinados a investimentos sociais, neste último caso por medio do denominado “POS Social”. No pleno tamén se aprobaron de maneira adiantada os investimentos do Plan Complementario, que se executarán na medida en que a Deputación xere novas partidas orzamentarias para levalos a cabo. Son outros 145.179,12 euros en catro proxectos dirixidos á rede viaria, a beirarrúas, a abastecementos e a melloras da eficiencia enerxética. A relación de actuacións saiu adiante por unanimidade.

Segundo os apartados do POS+, Moeche utilizará 60.256,67 euros da achega provincial para compensar o incremento dos gastos correntes, como por exemplo o encarecemento da electricidade ou dos combustibles. Porén, a maioría dos fondos empregaranse en investimentos:

A reposición de novas beirarrúas no tramo de rúa comprendido entre o Centro de Saúde a estrada da Feira, cuantificada en 61.645,22 euros con fondos do POS.
O cambio a led da iluminación da DP-4901 na zona da Casabranca (estrada San Ramón a Cristo de Rañal), orzamentado en 50.611,70 euros, dos cales 44.611,77 € financiaranse coa axuda provincial e os 6.000 restantes asumiraos o Concello con recursos propios. O Goberno local incluiu este proxecto no plan da Deputación despois de que o ano pasado a Xunta de Galicia rexeitase a concesión dunha axuda para financialo.
A pavimentación dos camiños de Castelo de Arriba (San Xurxo), do Castro á Casanova (Abade), Camiño da Loira (Labacengos) e de Ramil á Carballeira (San Xoán), por valor aproximado de 38.125,30 euros, 32.673,42 con cargo á achega da Deputación e 5.451,88 provenientes de fondos municipais.
En canto ao Plan Complementario, que deberá agardar a que a Deputación da Coruña habilite os fondos correspondentes, o Goberno local definiu os seguintes proxectos:

A reparación das beirarrúas entre a estrada da Feira e a rúa da Feira (ata a zona de Abanca), cun orzamento de 56.370,43 euros.
A ampliación da rede de abastecemento de auga no Forxao (San Xoán) e a Senra (Santa Cruz), así como melloras noutros puntos da rede, cun orzamento cifrado en 39.048,72 euros.
A subministración e instalación de iluminación led no interior do pavillón municipal, cuxo custe ascende a 18.000 euros.
A pavimentación dos camiños de acceso ás foxas do saneamento de San Ramón (San Xoán) e Balocos, a vía perpendicular ao camiño do Castro (Abade) e a continuación do eixo da Loira até chegar á Veiga (Labacengos). Este paquete de reparacións viarias está orzamentado en 31.759,97 euros.
No tocante ao POS+ Social (denominado tecnicamente Plan Adicional 01/2023), os 35.557,34 euros dispoñibles dedicaranse integramente a cubrir parte dos custes da contratación do persoal de Servizos Sociais e ao reforzo do Servizo de Axuda no Fogar en todas as súas modalidades. A achega tamén permitirá manter o servizo de podoloxía a domicilio para persoas dependentes, habilitar unha liña de axudas para os gastos de electricidade de familias vulnerables e mercar material necesario para o SAF. Por último -e non por iso menos prioritario- parte dos fondos dedicaranse á educación en igualdade e á prevención da violencia de xénero, con programas orientados á infancia, á adolescencia e ás mulleres.